Gústame que me toques así aos poucos
pois son pantalla táctil
de última xeración.
Manéxame con coidado.
Instala en min o teu software
e habemos navegar
pola ondaxe cibernética
sen velame nen navío.
Éncheme o disco duro
os megas os xigas
e aínda os teras
coas túas fotos do Instagram.
Aprende a empregar
o meu sistema operativo e
cando se colgue
reinstálame coma a primeira vez.
Deixa que me abra en xanela emerxente
e amosareiche os meus chíos máis íntimos.
Prendereime ao instante
en canto premas no botón de inicio
e devagar
esvare
por min
o remol das túas xemas.
Fai dobre click no meu perfil
non temas
non é unha pose rebelde
así é como son en realidade.
Gústame que me toques así aos poucos...

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Insubmisa

Enas ribas do Asma