Publicacións

Imaxe
Atopábame naquel inxente almacén inzado de produtos de bricolaxe. Ollaba con atención un enorme baúl, feito dun material plástico que imitaba perfectamente a madeira. Pensei que sería o tal para a almacenaxe da roupa de fóra de tempada, aló nas profundidades do rocho. Entón soou o teléfono no fondo do bolso. Era el. Por fin se diganara a aparecer -sen previo aviso- o fontaneiro que levabamos máis dun ano agardando. Aquel que dixera que era unha obriña de nada no único aseo do apartamento e que, logo de facer da casa unha desfeita de campionato, provocou unha fuga de auga cal Fontana de Trevi ó perforar unha tubaxe. Era el. Noteino nervioso. Pero a min restábame unha serie de recados por facer con certa urxencia. Colguei o teléfono e decidín mercar aquel baúl, non sen dificultades para cargalo no coche. Cando cheguei de volta, á tardiña, atopei aqueles centos de anacos de carne humana, picados coma para facer guiso. El, tranquilo, ollaba para min liberado dunha carga de tonel...
Poderosa e agresiva como o ouro rabioso e incendiado das chorimas.                                                  Manuel María. A Chaira é unha muller labrega rexa, baril, poderosa leva no ventre fecundo o xermolo da paisaxe. Os seus pés lañados lamberon a humidade das lagoas. En pé a curva prateada do fouciño fai tremer ao ceo fachendoso. Unha vez tamén foi moza: derramou o sangue estipulado e enfiou falas de amor para coser soños de seda nos solpores, tal e como narran as crónicas perdidas da Historia das mulleres. Foise facendo cerna compañeira mansa de xugada berce, consolo, sacho e aixada. Aínda no dourado Outono tiña na face cereixas encarnadas. A Chaira é unha muller velliña; no seu mendado mantelo custodia as palabras herdadas para o rexurdir da tribo. A Chaira é unha muller e tódalas mulleres somos Chaira.
Boto ó lombo un fardel de cores e levo comigo o paraíso imperdíbel da infancia.
Gústame que me toques así aos poucos pois son pantalla táctil de última xeración. Manéxame con coidado. Instala en min o teu software e habemos navegar pola ondaxe cibernética sen velame nen navío. Éncheme o disco duro os megas os xigas e aínda os teras coas túas fotos do Instagram. Aprende a empregar o meu sistema operativo e cando se colgue reinstálame coma a primeira vez. Deixa que me abra en xanela emerxente e amosareiche os meus chíos máis íntimos. Prendereime ao instante en canto premas no botón de inicio e devagar esvare por min o remol das túas xemas. Fai dobre click no meu perfil non temas non é unha pose rebelde así é como son en realidade. Gústame que me toques así aos poucos...

Da licra e outros praceres

Eu son muller de todos e de ninguén veñen a min coas súas carautas e os seus disfraces gorretes licras variopintas. Nada lles digo ofrezo meu corpo transparente para navegaren como gosten debuxan seus corpos ondas imperfeitas. Simplemente gardo SI-LEN-CIO míroos aos ollos deitada nas meniñas de lúa e contemplo tódalas súas miserias. Lamben a miña pel de auga pero eu son gamela doutra singradura. Veñen famentos coa arela de seren consolados pois eles de espírito manso exercitan músculos cor de lila. Non din nada escorregan por min os íntimos pensamentos temores cobizas paixóns rochas de Sísifo. Pecho os ollos transparente déixome facer. No fondo ben no fondo gozo da súa pel a fretarse e do tacto da licra. Bucéanme en apnea docemente. Reflíctese a luz no meu corpo morno e a humidade érguese abafante até o teito do enorme barracón. E veñen máis uns tras outros homes mulleres meniños rebuldeiros que me proban unha vez e recuncan. E eu a...
Imaxe
Libei do teu mel e nas patas traseiras levo semente fecunda. Espetei moi preto a miña bandeira do trinque vaidosa sen saber que era eu a posuída.

Enas ribas do Asma

Ergueron as aves na quenda furtiva do péndulo do tempo. Enriba, silente o Lourenzo manda seu cálido alento. Refugallos plásticos espernexan no medio da corrente ineptos crense capaces de remontar o río. Os trinta e tres centilitros tamén navegar. As árbores rexistran decrepitude ante o espello amante do Asma. Definitivamente son bos lugares as pontes para esgrimir feitizos observar ou escribir poemas.